alpha1

AVISO:

De conformidade co previsto nos plans de continxencia das universidades do Sistema Universitario Galego e seguindo as instrucións das autoridades sanitarias e educativas autonómicas e estatais, a coordinación do Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada

ACORDA:

1. Que, dado que as aulas das materias do 2.º cuadrimestre finalizan na semana do 30 de marzo (data en que se suspende, polo momento a docencia presencial e as titorías presenciais até ese día), as actividades docentes presenciais poidan ser substituídas por actividades non presenciais atendendo ás particularidades de cada materia, ademais de garantir ao estudantado as titorías virtuais e o acceso a todos os materiais e recursos docentes a través dos campus virtuais.

2. Que as prácticas externas curriculares poidan ser continuadas por teletraballo, previo acordo coas entidades de prácticas e, de non ser posible o teletraballo, o alumnado non se verá prexudicado.

3. Que, durante o período de suspensión da actividade presencial, sexan suspendidas tamén as lecturas de TFM presenciais.

Moitas grazas pola vosa colaboración.

A coordinación do MILA,

Xoán López Viñas (UDC), Gabriela Prego Vázquez (USC) e Fernando Ramallo (UVigo)

Insira o correo electrónico da súa conta. Enviaráselle un código de verificación. Unha vez que reciba o código de verificación, poderá elixir unha nova clave para a súa conta.

Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada (MiLA)

Este mestrado universitario constitúe unha reorganización e transformación de catro títulos de mestrado anteriormente impartidos nas tres universidades galegas: o Máster Interuniversitario en Lingüística Galega (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), o Máster Universitario en Estudos Lingüísticos (USC), o Máster Interuniversitario en Lingüística e as súas Aplicacións (UDC e UVigo) e o Máster Universitario en Lingua e Usos Profesionais (UDC). Destes catro títulos, os tres primeiros —de orientación investigadora— proveñen da reconversión doutros tantos programas de doutoramento, que recibiron a Mención de Calidade do Ministerio. O presente Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada (MiLA), implica as áreas de coñecemento de Lingüística Xeral e todas as de linguas presentes no Sistema Universitario Galego.

O programa está dirixido a persoas graduadas en Filoloxía, Lingüística, Tradución e Interpretación, Humanidades e Socioloxía, ou con formación académica afín. Este título permite que o estudantado, atendendo á súa procedencia, adquira e/ou reforce unha formación lingüística avanzada (módulo de cursos obrigatorios, de carácter metodolóxico e fundamental) e se especialice nun ou en varios dos bloques temáticos de carácter esencialmente aplicado en que están agrupadas as materias optativas: didáctica de linguas, lexicografía, lingua de signos, e discurso e sociedade.