Obxectivos e competencias

Obxectivos

Este máster está deseñado para ofrecer unha formación sólida ao estudantado en materia de Lingüística, tanto teórica como aplicada. Queremos formar especialistas de alta cualificación en Lingüística, que saiban desenvolverse en contornos multidisciplinares, que posúan habilidades comunicativas, que coñezan e que manexen linguaxes específicas, que dominen o contorno virtual e as novas tecnoloxías, e que saiban xestionar e organizar a información, tal como demanda o mercado laboral. O máster tamén está pensado como período de formación previa para acceder a un programa de doutoramento no ámbito lingüístico.

Competencias

As competencias xerais inclúen:

  • Afondar no campo da lingüística teórica e aplicada e na dimensión social da linguaxe.
  • Capacitar o alumnado para que adquira un coñecemento exhaustivo das liñas de investigación e das propostas críticas máis relevantes no ámbito dos estudos lingüísticos.
  • Proporcionar os fundamentos metodolóxicos e críticos que permitan acceder ao exercicio da actividade investigadora, cunha formación versátil e interdisciplinar.
  • Preparar o alumnado para saber actuar en contornos profesionais multidisciplinares e diversificados.
  • Capacitar o alumnado para o manexo das tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas ao campo dos estudos lingüísticos.
  • Capacitar o estudantado para abrir vías de investigación novidosas no ámbito dos estudos lingüísticos, dotándoas de aplicación práctica para a súa transferencia a distintos ámbitos profesionais.
  • Preparar o estudantado para comprender as interrelacións pertinentes entre os diversos ámbitos de estudo que integran o máster.
Canto ás competencias específicas, o máster está deseñado para:
  • Dotar de coñecemento dos principios básicos, das técnicas fundamentais e dalgúns resultados destacados da investigación actual en Lingüística.
  • Capacitar para comprender a diversidade teórica e metodolóxica das escolas lingüísticas.
  • Capacitar para diferenciar e aplicar adecuadamente os distintos métodos de investigación en Lingüística.
  • Capacitar para aplicar a metodoloxía da Lingüística baseada na análise de corpus lingüísticos.
  • Capacitar para seleccionar adecuadamente os datos lingüísticos en función do método de investigación escollido.
  • Dotar de coñecemento das principais áreas da Lingüística aplicada.
  • Capacitar para a aplicación dos coñecementos lingüísticos adquiridos aos problemas do mundo profesional (docencia, asesoramento e mediación lingüística, tradución, lexicografía, planificación lingüística...).
  • Proporcionar un nivel de formación teórica que permita comprender e xulgar criticamente a bibliografía lingüística especializada.
  • Capacitar para xestionar os recursos lingüísticos e a información lingüística para propósitos académicos e de investigación (identificación e acceso á bibliografía, utilización apropiada de recursos e equipamentos, utilización de tecnoloxía para rexistrar datos, manexo de bases de datos, etc.).
  • Capacitar para o manexo das diferentes tecnoloxías lingüísticas que conforman a actual sociedade do coñecemento: dicionarios electrónicos, correctores e tradutores automáticos, e sistemas de aprendizaxe de lingua asistida por ordenador.
Pode consultarse máis información na sección 3 da pdf memoria verificada .
 

Saídas profesionais

As saídas no mundo laboral enmárcanse preferentemente nos campos humanístico, lingüístico-literario e cultural, con proxección sobre problemas e necesidades sociais e comunicativas. Durante os últimos anos, asistimos a unha rápida evolución, tanto a nivel europeo como mundial, do ámbito da Lingüística aplicada. Cada vez son máis os campos en que encontra aplicación a investigación teórica sobre a linguaxe. Desde o ámbito tradicional do ensino de linguas até o máis recente da comunicación na empresa, unha grande parte das e dos lingüistas na actualidade dedican os seus esforzos a conseguir unha especialización que lles permita afrontar o desenvolvemento de tarefas profesionais concretas. Para responder aos novos desafíos da sociedade moderna e ás necesidades do mercado laboral fóronse xerando espontaneamente novas profesións, como mediación lingüística e intercultural, asesoría en comunicación empresarial, lexicografía informática, asesoría pedagóxica, asesoría en planificación e políticas lingüísticas, asesoría lingüística da comunidade xorda, asesoría en empresas editoras e outras industrias e instancias de produción e de xestión cultural, etc. A experiencia docente, investigadora e profesional do profesorado implicado nos másters dos cales este procede levounos a propor unha formación innovadora que pode preparar o noso alumnado para o mundo do ensino e da investigación, mais tamén para o mundo profesional e empresarial non académico.